De Cariño a Viveiro
Saímos de Cariño pola DP 6121 en dirección Ortigueira. Antes de chegar a Ortigueira atoparemos varios lugares onde poder observar a Ría e o fluxo de mareas, como por exemplo o embarcadoiro de Sismundi, o puntal de Feás e tamén Fornelos en S. Adrián (Ortigueira). Lugares tamén importantes para a observación de aves. [+info]
En Ortigueira poderemos visitar a zona do porto, a Alameda e o Malecón, o Cantón e o Complexo Conventual onde se ubica a Igrexa e a Casa do Concello de Ortigueira. O museo arqueolóxico Ortegalia ofrécenos unha interpretación das diferentes etapas históricas da comarca, principalmente o Neolítico e a Cultura Castrexa. Seguidamente atopamos o Porto de Espasante, moi animado no verán conta coa praia da Concha e a praia de San Antón así como cun animado núcleo urbano no verán e o xacemento castrexo de Punta dos Prados situado no extremo da vila, onde tamén se atopa a Garita Vixía de Espasante (s. XVIII). En Loiba, atoparemos o célebre banco máis bonito do mundo ou banco de Loiba: localizado a pé de cantil preto da aldea do Picón, ofrece unhas fantásticas vistas dos cantís da costa de Loiba, así como vistas da Ría de Cariño-Ortigueira, e tamén no horizonte da Serra da Capelada, Cariño e Cabo Ortegal. As postas de sol son espectaculares. Moi recomendable facer parte da ruta de senderismo “Camiño da Costa” que percorre este tramo costeiro. [+info]
Xa no concello de Mañón atopamos o Porto do Barqueiro, un recollido núcleo de vivendas mariñeiras que ascenden pola montaña e un pequeno porto que mira á Ría do Barqueiro, que une as provincias da Coruña e Lugo. Desde o Porto do Barqueiro parte un desvío que chega ao Faro da Estaca de Bares, a punta máis ao norte de España situada a 43 graos 47 minutos 10,4 segundos Norte. Sitio de interese nacional, é tamén un punto moi importante no paso de aves migratorias. Nas inmediacións atópase un conxunto de muíños de auga, unha base americana, abandonada na actualidade e un observatorio ornitolóxico.
Pasamos á provincia de Lugo atravesando a ponte que cruza a Ría do Barqueiro pola LU862 e entramos no concello do Vicedo, onde atoparemos diversas praias que salpican a costa, como a Praia do Caolín , afamada pola súa area de cor branca, a de Xilloi ou a de Area Grande (S. Román de Vale) . [+info]
En Viveiro poderemos visitar o casco histórico de orixe medieval. As rúas empedradas levaranos desde a Ponte Medieval á Porta de Carlos V, unha das tres portas que se conservan das seis que formaban parte da antiga muralla da vila, e tamén as igrexas de Santa María e Santiago-San Francisco. [+info]