De Cariño a Ferrol
Saímos de Cariño dirección Cabo Ortegal por unha estrada local que atravesa a aldea de S. Xiao do Trebo, onde está a capela de S. Xiao que ten orixe dos séculos VI-VII e foi construida derriba dunha villae romana de principios do primeiro milenio D.C. e dun asentamento altomedieval.
Despois chegamos ao impresionante Faro de Cabo Ortegal (100 m s.n.m.), desde onde poderemos divisar unha panorámica da unión do Mar Cantábrico (cara o Leste) e do Océano Atlántico (cara o Oeste). Unha sucesión de cantís duns 300 m de altura e unhas vistas privilexiadas sobre as pedras dos Aguillóns deleitarán a nosa vista.
Voltaremos sobre os nosos pasos un par de quilómetros para tomar un desvío que indica “Miradores da Capelada” desde onde ascenderemos á Serra da Capelada. Teremos unha sucesión de miradoiros con vistas da Ría, primeiro, sendo o principal o miradoiro da Miranda (500 m de altitude) e, a continuación, teremos o más alto da zona que é o da Vixía de Herbeira (613 m de altitude) onde está a Garita da Vixía de Herbeira (s. XVIII), cunhas impresionantes vistas dos cantís máis altos da Europa continental e costeira. Coidado co vento e a néboa que aquí case sempre están presentes. Mandas de cabalos e vacas en liberdade pastan polos cumios da Capelada.
Baixando pola estrada DP 2205 cara a Santo André de Teixido poderemos seguir a ruta dos Miradoiros en dirección Cedeira onde nos seguiran sorprendendo coas vistas da costa. Na ribeira dos cantís da aldea de Teixidelo (GPS 43.711636, -7.968055) atópase a que é a única praia de area negra non volcánica do mundo. O acceso é moi complicado polo que precisarás dun guía especializado para poder chegar.
Na aldea de Teixido poderemos visitar o lugar de peregrinaxe posiblemente máis antigo de Galicia, “onde vai de morto o que non foi de vivo” como di a lenda, coa Igrexa de Santo André de estilo gótico mariñeiro (S. XVI) e remodelacións posteriores. O documento máis antigo, do século XII, refírese a este lugar como un pequeno mosteiro.
En Cedeira poderemos visitar a Igrexa da Nosa Señora do Mar no casco antigo da vila. Xa no porto atópase o Castelo da Concepción (s. XVIII) e o museo Mares de Cedeira na Casa do Pescador. Perto de Cedeira está a ermida de Corveiro, con fantásticas vistas da entrada da ría de Cedeira así como o Faro de Punta Candieira, ao que chegaremos por unha estrada sinuosa de acceso. [+info]
No concello de Valdoviño atopamos varias praias impresionantes onde se práctican deportes coma o surf, o windsurf ou o kitesurf. O Pantín Classic é un campionato de surf que se celebra na praia do Rodo (Pantín), incluido no circuito internacional de surf, e celébrase todos os anos no mes de setembro, tendo cobertura mediática global. Outras zonas naturais que podemos visitar en Valdoviño son a lagoa e praia da Frouxeira, o encoro das Forcadas ou o Mirador do Paraño.[+info]
A cidade de Ferrol (75.000 hab) sempre estivo ligada ao mar . Foi escollida como base da Armada pola especial configuración da súa Ría, cunha bocana moi estreita e facilmente defendible. Construiuse o Arsenal Militar e os Estaleiros, os máis avanzados da época, e tamén o Barrio da Madalena (s. XVIII), auténtico exemplo da cidade da época da Ilustración. Unha visita ao Castelo de S. Felipe (s. XVIII) , aos museos navais do Arsenal (Museo Naval e Exponav) así como ao museo da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e a exposición das Meninas nas rúas do barrio de Canido son obrigadas. [+info]